Proxecto no Cárcere de Monterroso

Proxecto no Cárcere de Monterroso.

Este sábado, 29 de setembro de 2018 imos comezar por fin unha actividade pola que levamos
moitos anos loitando. Achegaremos os nosos tambores ao interior do cárcere, en forma de concerto
e obradoiros que se prolongarán varios meses.

Cárcere de Monterroso

Ainda que xa fai casi unha década dende que na asociación redactamos o primeiro proxecto para
levar a nosa escola ao interior da cárcere de Teixeiro, o proxecto actual remóntase a hai un par de
anos. Foi nesas datas cando un antigo tropiqueigo chegou cunha proposta para desenvolver unha
actividade no interior dun centro penitenciario.

Tivemos algunha que outra negativa. Non é doado penetrar no cárcere. É unha institución moi
hermética na que é moi dificil entrar ou facer chegar propostas que saian adiante. O muro
burocrático é brutal.

Pero finalmente conseguímolo a través dunha entidade, Aliad-Ultreia, que xa desenvolve
actividades de xeito habitual no Cárcere de Monterroso, Lugo. A proposta consta dun
concerto de apertura, no que iremos co bloco Afro a amosar, en forma de ritmos e danzas, o que
imos a traballar nos meses seguintes. Este concerto tamén terá o obxectivo de despertar o interés e
conseguir que se apunte xente aos obradoiros.

O plato forte da actividade serán os obradoiros. Ao longo de tres meses, cada sábado pola mañá
traballaremos cun grupo de aproximadamente 20 persoas os ritmos afrobrasileiros dos Blocos Afro,
dende o principio e pasando polos diferentes instrumentos para culminar nunha mostra que faremos
o 22 de decembro. Agardemos que esa mostra se poida facer fora dos muros!!

Ainda non sabemos como será a experiencia. Moitas de nós nunca entramos nun cárcere e non
sabemos ben o que imos a topar alí. O que si temos é unha gran ilusión por levar un pouco da
alegría e de tódalas cousas boas que nos aportan os tambores e a batucada a un lugar onde a xente
está en privación da liberdade. Este sábado comezamos!!!