EspañolGalego

Actividades do 2010, agradecementos

Xa estamos na recta final do verán, e co estío tamén remata a época de maior concentración de concertos para o noso bloco de batucada. Estamos moi contentos co balance deste ano a moitos niveis e por iso queremos agradecerllo, tanto ás persoas que estiveron con nós nos eventos que organizamos, como á xente que nos seguiu por Galicia adiante durante as nosas actuacións nas diversas vilas... Como é lóxico tamén queremos agradecer aos concellos e outras entidades a confianza que teñen depositada no noso grupo de percusión de rúa á hora de deseñar os seus eventos.

Ao longo do ano, foron varias as actividades que a nosa asociación levou a cabo, concentrando o traballo na evolución por eidos diferentes da percusión de rúa na que habitualmente funcionamos. Deste xeito, e como colofón deste proceso, conseguimos montar por vez primeira A Festa do Trópico, na Sala Nasa (29 de abril, Santiago de Compostela). Trátase dunha festa temática, coa percusión afrobrasileira como motivo, na que durante preto de tres horas, fóronse sucedendo actuacións de diferente natureza, dende o candomblé ou o circo ata a estrea dun ambicioso espectáculo propio no que se conseguiu xuntar a poderosa percusión de Trópico con instrumentos melódicos e harmónicos, conseguindo así un espectáculo único: Trópico no Palco. Precisamente, queremos dar os nosos agradecementos á xente que nos axudou neste espectáculo, dende a dirección da Sala Nasa, por confiar en nós meténdonos na súa programación, ata os artistas que participaron desinteresadamente no espectáculo. Moitas gracias polo tanto aos pallasos Isla le Triska, Jano e Pajarito, polas súas magníficas actuacións e por manter a risa do público ao longo de todo o evento; e gracias tamén ao mestre Boca do Rio, Olivier Cano, Najla Shami, Uxía Senlle, O Coro Da Ra, Antón Bello e Sergio Tannus, por  xuntar as súas voces e técnica instrumental ás percusións de Trópico, facendo posible un espectáculo diferente e belo.

O outro gran evento que emprendeu a asociación na temporada foi o Batebatuke, festival de percusión de Santiago de Compostela que, na súa segunda edición, o 12 de xuño, no cemiterio do parque de Bonaval, constou de diferentes actividades, dende talleres de percusión abertos a quen quixese participar, ata as actuacións dos grupos invitados. Agradecemos dobremente Ao mestre Boca do Rio que participou co seu grupo de Capoeira Zimba e a Isla le Triska e Jano, que novamente nos deleitaron coa súa facultade para provocar as risas da xente. Queremos agradecer tamén a participación da xente de Aperta, que por segundo ano consecutivo trouxeron dende Vigo o seu Bloquinho da Salgueira, con Roi Adrio á cabeza; moitas Gracias aos demáis grupos participantes: Deggo (Pontevedra) tamén por segunda vez, Perqtores (Ourense), A Caixa de Tambora (Santiago), A Central Folque (Santiago), e á xente de La torzida que se desprazaron dende Valladolid.

Outra das liñas que se levaron a cabo no ámbito da realización de actividades de cara o público neste ano, foi a presentación de mostras en diferentes localizacións da nosa cidade nas que participaron os alumnos de Prucupá, a nosa escola de percusión; a xente de Pista Cinco (circo) nunha mostra conxunta en setembro de 2009; etc. Coma sempre, alén de actuacións musicais, tamén se realizaron obradoiros ou talleres de circo e percusión, cunha gran resposta da xente.

Por último, queda falar das Master Clases ou obradoiros especializados que se fixeron ao longo do ano, en relación co programa de Prucupá. Nesta tempada pasaron polas Master Clases de Trópico de Grelos, o Mestre Boca do Rio (Taller de Berimbau), Celia Mur (Taller vocal de Jazz), Juanma Barroso (Taller de Batería) e Ramiro Gonzalo (Taller de Maracatú). Moitas gracias tanto aos profesores como ás diferentes entidades que nos acolleron para realizar estes talleres, como a Gentalha do Pichel, a Casa das Crechas, a Escola Estudio ou o Centro Xuvenil Don Bosco.

Para o ano 2011 queremos continuar con esta liña de crecemento e facemos fincapé no novo curso da escola Prucupá á que agardamos que asista un bo número de alumnos que despois se integre nos demais proxectos de Trópico; na realización de novas master clases con vellos e novos profesores; na renovación do repertorio nos espectáculos máis consolidados como os nosos blocos de percusión de rúa (Zum-bomBatuke Galego); e na eclosión de espectáculos de novo cuño, como Trópico no Palco.