19/02/2017

Escola Prucupá

Prucupá é a escola de percusión afrobrasileira da asociación cultural Trópico de Grelos. Neste proxecto teñen cabida tódalas persoas maiores de idade que, con nocións musicais ou non, desexan participar nas actividades de Trópico de Grelos involucrándose, pouco a pouco, no resto das propostas culturais do grupo. Consta de diferentes niveis, que van dende un achegamento básico aos conceptos rítmicos, iniciando ó alumnado na percusión, ata outras clases con contidos máis avanzados.

Entre as liñas temáticas desenvoltas nos diferentes módulos, atópanse ademais das propias musicais, baseadas en ritmos de Bahía, outras relacionadas coa danza e a coordinación.

O profesorado da escola está formado por profesionais que estudaron percusión nos diferentes lugares do mundo onde centra a súa atención Trópico de Grelos, como Brasil en América ou Guinea Bisáu ou Senegal no continente africano. Persoas que, coa ilusión e un programa acorde aos niveis dos grupos, conseguen facer desta escola, non só un conxunto de músicos, senón tamén unha familia de percusionistas con intereses comúns que van máis alá dos ritmos.

Os resultados da Prucupá plásmanse en varias mostras públicas ao longo do ano lectivo e é alí onde o alumnado aplica todo o aprendido durante o curso.

O último proxecto que se levou a cabo arredor da escola Prucupá, foi gravar un disco cos temas traballados durante as clases. A idea materializouse cuns resultados moi positivos convertíndose, por méritos propios, nunha actividade anual que fixo desta aventura, un broche perfecto para rematar de maneira redonda o ano académico.

Prucupá é a porta aberta ao resto de proxectos da asociación, un paso obrigatorio para poder participar e implicarse dunha maneira máis exhaustiva no devir de Trópico de Grelos.

 Mostra de Primaveira 2016
Mostra de Nadal 2016