ala cabecera ala_de
     
Somos unha asociación, formada por mozos e mozas de Santiago de Compostela, cuxos ámbitos de traballo son a música en xeral e a percusión en particular. Os nosos principais obxectivos son o estudio da percusión na música tradicional das diferentes rexións do planeta e a súa difusión mediante mostras, concertos, obradoiros e calquera tipo de canle que se poida utilizar para este fin. Do mesmo xeito e moi vencellado ao obxectivo anterior, facemos fincapé no estudio xeral das Culturas do Mundo para comprender a esencia das creacións musicais e a mentalidade dos seus creadores. A vontade de animador@s e educador@s sociais está presente en tódalas nosas actividades.

A nosa mirada, aínda que aberta ao mundo, sempre estivo enfocada a unhas rexións concretas que espertan en nós un especial interese. Brasil proporciónanos o exemplo para o formato do noso “Batuke” cos blocos de Samba en Rio de Janeiro, de Samba Reggae en Salvador de Bahía ou de Maracatú en Recife, por citar algúns. Pero non nos esquecemos do resto da América Latina, na que atopamos unha gran fonte de inspiración, nin de África, punto de partida histórico de moitas das tendencias musicais que máis nos interesan.

A fundación de Trópico de Grelos, alá polo 2003, correu a cargo de Xurxo Troncoso, na súa volta a Galicia despois de participar na formación madrileña de “Unidos do Zum Zuêh”, de intervir en diversos festivais Brasileiros en Europa (Francia e Holanda), e de participar no Carnaval de Salvador da Bahía 2002 onde formou parte do bloco "TIMBALADA" de Carlinhos Brown.

A orixe de todo isto foi o que hoxe por hoxe é o noso principal proxecto, que chamamos “Batuke Galego”. A idea era conseguir montar, aquí en Galicia, un proxecto similar aos anteriores, con xente que tivese inquedanzas musicais afíns e vontade de tocar, pásalo ben e facer o propio coas demáis persoas, animando a festa por toda a xeografía galega. Pero pronto xurdiron novas necesidades que foron levando á creación doutros proxectos dos que falaremos abaixo.

Deste xeito comezou a andaina tropiqueira, coa nosa primeira actuación nas Festas do Apóstolo 2003 na praza compostelá do Toural. Os concertos foron sucedéndose e por Trópico foron pasando persoas que xa forman parte da nosa historia. Gustaríanos agradecerlle a toda esta xente, que non vamos a citar por si acaso se nos esquece alguén, a súa contribución ao proxecto tropiqueiro.

Na actualidade estamos a desenvolver un amplo proxecto que engloba numerosas actividades. A entrada, xunto con Xurxo, na dirección artística e no noso grupo de traballo de dous novos mestres foi un gran revulsivo para o cambio e o progreso que estamos impulsando dende mediados do 2008. Narci Rodriguez, chegado de Salvador de Bahía é o nos especialista e director de Samba Reggae e Reggae baiano. Da súa man veñen as nosas influencias das grandes bandas coma “Olodum” ou “Ilé aiyé”. O Samba corre a cargo de Lucas Fixel, nativo de Rio de Janeiro e coñecedor das últimas tendencias nas diferentes escolas de samba da súa cidade. Os demáis compoñentes do grupo de traballo, e tamén músicos de Trópico, son Luis Izquierdo nos apartados de administración, producción, gráfica e coordinación; Joel Bucio na parte gráfica e de comunicación e Andrés Rivero na promoción e producción.

Este traballo realizado nos últimos tempos fixo posible tanto o crecemento do bloco, que xa está formado por trece músicos, coma o desenvolvemento de novos proxectos. Deste xeito naceron o desfile de Samba; os obradoiros de percusión, tanto de iniciación como avanzados, a cargo dos nosos propios mestres ou con especialistas invitados; ou a nosa escola “Prucupá”, que dende outubro de 2008 está a desenvolver o Seminario Permanente de Percusión Afro-Brasileira cuns interesantes resultados académicos.

Unha das decisións dos últimos tempos foi facer de Trópico de Grelos unha banda aberta a calquera persoa que lle interese aprender e tocar con nós. Debido á variada procedencia dos nosos músicos (Trópico sempre se caracterizou por estar formado por xente de diferentes orixes, tanto nacionais coma profesionais) chegamos á conclusión de que o mellor para defender unha calidade e potencia sonora homoxéneas era asegurar un número fixo de integrantes no bloco sen estar expostos á dispoñibilidade dos individuos. Así os ensaios son abertos e invitamos a quen queira a participar con nós na experiencia batuqueira. Nestes intres hai unha quincena de músicos vinculados ao bloco, ademais dos membros do grupo de traballo, e moitos deles incorporáronse a través da escola, pois unha das súas funcións é servir como canteira da banda.

O futuro que pensamos para Trópico de Grelos é de crecemento. A nivel artístico cunha maior exploración dos ritmos que traballamos e doutros novos, e a nivel proxectos cun afianzamento das actividades que estamos a realizar e o desenvolvemento doutras. Este abanico de actividades estase abrindo mediante proxectos que xa están arrincando, como o taller de instrumentos ou Trópico no Palco, que conxuga a potencia do batuke con outros instrumentos (guitarra, cabaquinho, etc) e voces, interpretando temas míticos, divertidos e ben coñecidos por todos. A liña de crecemento está establecida e queremos fomentala cunha maior proxección cara o exterior, facendo traballos en común con outras asociacións, galegas ou non, que traballen no noso ámbito. En xuño de 2009 logramos celebrar a primeira edición dun pequeno festival de percusión no que participaron varios colectivos, relacionados coa percusión e co batuke, chegados de diferentes puntos da Galiza: O Bate Batuke. A súa data fíxose coincidir co final de curso da escola Prucupá, sendo a nosa idea que os alumnos e alumnas teñan unha boa oportunidade para participar nas actividades propostas. Nas vindeiras edicións do Bate Batuke, pretendemos aumentar o elenco de actuacións e actividades, fomentando un crecemento do festival que sexa paralelo ao da Asociación.

 
  INICIO | COUSAS DO TRÓPICO | FOTOS, VIDEOS E MÚSICA | PROXECTOS | CONTACTO  

ASC Trópico de Grelos 2.009     info(arroba)tropicodegrelos.com     615 91 41 61     Santiago de Compostela